CONTORNA

A Contorna de Borbela de Luz

Borbela de Luz é unha paisaxe. Tradicional, humana e natural a un tempo. Intervida polos traballos agrarios de hai décadas, polo decorrer do río Grañal, polo vello muíño da Xorda e polo inevitable ritmo das árbores, do mato e ata das pedras: nacen, medran, erosiónanse e morren e, nese proceso, van debuxando espazos de beleza e respecto. Nas 4 hectáreas de Borbela hai moitísima vida. Carballos, fentos, silvas, carpazas, toxos, mentas e lavandas forman parte do catálogo vexetal. Os insectos, imprescindibles para a vida, alimentan esta terra con presenza intanxible. O lirismo póñeno merlos, pardaos, paporrubios, pegas, corvos, gaios, rolas… O cuco trae consigo a primavera e o picón fai a súa propia cabana nalgún carballo próximo. As rochas enraizadas e as pedras exiliadas de muros e paredes completan o lenzo.

O Muíño da Borbela forma parte dunha rota de sendeirismo polas beiras do río Grañal. É unha das que se poden desfrutar sen sequera saír do termo municipal de Esgos.

> Ver Rutas: Camiño Real, Muíños e Camiño Natural

> Ver Ruta Borbela – San Pedro de Rocas

Na localidade de Esgos, a apenas 2 Km. de Borbela de Luz, Panadería Agustín ofrece a oportunidade de saborear pan tradicional galego elaborado en forno de leña e as típicas bicas de manteiga, omnipresentes en lugares como Sas de Penelas, Castro Caldelas ou A Pobra de Trives, que celebra no mes de xullo unha festa gastronómica e unha mostra dedicadas a este doce.

As castañas, matrioskas dos soutos que rodean os monumentos monásticos da Ribeira Sacra, son un símbolo da cultura ancestral galega. Elas son a base dos tradicionais Magostos, nos que se degustan castañas asadas e chourizos e se cata o viño caseiro da última vendima. Para coñecer os sabores máis próximos, a cita é o primeiro sábado de agosto na Feira Agroalimentaria do Pinto, a un tiro de pedra de Borbela de Luz.

> Festa da Bica

A denominación de orixe Ribeira Sacra eleva o nivel para presentarlle ao visitante caldos elaborados en adegas de interesante factura arquitectónica. Poden presumir do chamativo selo de viticultura heroica, gañado a pulso polo cultivo das vides en socalcos que colgan vertixinosamente sobre os cursos fluviais.
> Ribeira Sacra

MonumentalidadE

O cenobio de San Pedro de Rocas, do século VI, sitúase a uns 5 Km. de Borbela de Luz. É un conxunto eremítico impresionantemente ubicado. Os mosteiros de Santo Estevo de Ribas de Sil, cos seus tres claustros, e o feiticeiro de Santa Cristina inclúense nun itinerario pola Ribeira Sacra que pode descubrirse nun so día ou en toda unha vida: Xunqueira de Espadanedo, Parada do Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Montederramo e a ribeira lucense, na outra beira do río, son convites irrenunciables.

> Ver San Pedro de Rocas

> Mosteiros da Ribeira Sacra

PATRIMONIO NATURAL

Patrimonio natural: O Canón do Sil perfila esa monumentalidade arquitectónica cunha profundidade paisaxística na que o río actúa como imán. Pode descubrirse en catamarán dende o propio curso ou dende os seus numerosos miradoiros, algúns de espectacular deseño.

> Ver Miradoiros Canon do Sil

ARTESANÍA

Xunto a enclaves relevantes en Galicia como Gundivós ou Buño, a olería de Niñodaguia enraíza as terras onde se asenta Borbela de Luz nun pasado etnográfico e protoindustrial que soubo perdurar no tempo. Obradoiros a cargo dos propios cacharreiros e postos de venda a 10 Km. das cabanas permiten descubrilo.

> Museo Olería

OURENSE CAPITAL

Para as apetencias máis urbanas, a cidade de Ourense conxuga distancias accesibles, un fermoso patrimonio monumental e unha proposta termal que bota raizames na propia orixe da cidade. As augas quentes do seu subsolo son o auténtico tesouro da capital provincial.
> Turismo de Ourense

DEPORTES DE INVERNO

Manzaneda, a única estación de esquí de Galicia, atópase no camiño de Borbela de Luz, pola OU-536, cara ás terras de Valdeorras e O Bierzo. A viaxe é unha oportunidade para coñecer puntos de interese coma Castro Caldelas ou Pobra de Trives, e mantén o seu itinerario sobre elementos milenarios tan simbólicos como a ponte romana do Bibei.
> Estación de Manzaneda

actividade

baño de bosque

Unha actividade ao aire libre para reconectar coa natureza e con nós mesmos, que combina benestar, relaxación e inmersión sensorial nun entorno único da Ribeira Sacra.

Privacy Overview

This website uses cookies so that we can provide you with the best user experience possible. Cookie information is stored in your browser and performs functions such as recognising you when you return to our website and helping our team to understand which sections of the website you find most interesting and useful.